Acróbatas das bicis

Versión para impresoraEnviar a un amigo
Asociación Freeride Narón

O freeride é una modalidade de mountain bike que consiste en facer trucos en saltos e obtáculos artificiais e naturais. Normalmente é costa abaixo e as competicións desta modalidade son puntuadas por xuíces. As súas orixes proveñen dos grandes bosques canadense polo que Narón, e en xeral Galicia, son lugares idóneos para a súa práctica.

No noso Concello atopámonos cuns verdadeiros acróbatas das bicis e amantes do deporte de risco. A súa ilusión por dar a coñecer esta especialidade levounos a crear en febreiro de 2008 a Asociación Freeride Narón e planificar diferentes actividades ao longo do ano.

No primeiro número da revista Dameuntoke en papel entrevistamos a Berto, presidente da asociación.

En que consiste o freeride?

O freeride é unha modalidade deportiva, na que os corredores,  sortean unha serie de obtáculos, tanto naturais, coma árbores, caídas e pedras, ou artificiais, coma longas pasarelas de madeiras elevadas do chan ou saltos de madeira ou terra.

Nestas competicións puntúase o estilo dos corredores, así como a complexidade das manobras realizadas. No noso club ademais practicamos outras modalidades de BTT como o descenso e o four cross, que son disciplinas de velocidade, en trazados máis naturais e á vez moito máis técnicos, nos que os corredores loitan contra o cronómetro e á vez contra outros corredores.

É un deporte perigoso?

Aínda que estas modalidades están consideradas un deporte de risco, depende do nivel acadado por cada persoa ou a súa vontade. Isto é o que realmente o converte en perigoso.

Para evitar os accidentes, ademais de andar con sentidiño, protexémonos con todas as proteccións posibles, dende o imprescindible casco, ata petos integrais, reforzos, xeonlleiras e guantes, que aseguran que o dano das caídas sexa mínimo.

Que acrobacias se poden facer?

Que che gustaría facer? Os trucos dependen do nivel de cada persoa, ou do que se lle pase pola cabeza no momento de encarar un salto, dende rodar por unha parede completamente vertical ou facer un back hip ata unha simple pegada baixando o bordo da beirarúa...

A variedade de trucos e practicamente infinita, a propia palabra freeride, montar libre. Ti ves unha zona na que poderías facer algo e dis: "vou intentalo".

Un dos trucos máis difíciles que vin (non en persoa) foi un rapaz facendo un frontflip (un pinchacarneiro cara adiante) baixando un grupo dunhas 10 escaleiras, e isto sen separarse da súa bici... impresionante.

Por que decidistes montar unha asociación?

Buscabamos o apoio institucional para poder facer actividades libremente no Concello e tamén para participar en competicións.

Atopástedes apoio dende o concello?

Nun primeiro momento impulsounos a Concellería de Mocidade, aínda que agora como club deportivo estamos máis ligados á Concellería de Deportes, que puxo á nosa disposición unha parte da parcela do circuíto do Río do Pozo, na que temos un circuíto permamente, que usamos maioritariamente en verán e no que neste ano 2009 fixemos unha carreira.

Que actividade realizades ao longo do ano? Participades nalgunha competición?

Normalmente todas as fins de semana saímos a montar en bici pola comarca, xa sexa en Narón, Ferrol, Ares ou A Coruña e en verán no biki-park de Manzaneda.

Ademais todos os anos facemos dúas quedadas abertas a todo o público, na que nos xuntamos unhas cincuenta persoas procedentes de toda Galicia, e este ano tamén algunha xente de León, para montar en bici durante todo o día e comer xuntos.

Para estas reunións soemos escoller unha data no verán ou outra na última fin de semana do ano, para despedilo como máis nos gusta. Este último ano fixemos unha carreira de dual slalom, ademais de participar en case todas as competicións de Galicia de descenso e parte das de Asturias.

O freeride potencia un contacto directo coa natureza, cos bosques e contornos salvaxes, que lugares destacarías no Concello de Narón con estas características?

Pois na zona rural de Narón. É onde soemos desenvolver as nosas actividades, camiños que discorren por Pedroso ou Sedes son os que máis nos atraen.

Dinos en poucas palabras que che proporciona a práctica freeride?

O freeride é un estilo de vida. Cando realmente estás enganchado a este deporte, só pensas en que chegue a fin de semana para saír do traballo ou da clase, para poder sentir esa sensación de liberdade que che dan 3 ou 4 minutos de baixada, nos que non pensas noutra cousa máis que no ben que o estás pasando.

É unha sensación difícil de explicar o que é estar a 300 metros sobre o nivel do mar cunhas vistas explendidas, un día na Coruña, outro nas Illas Sisargas, en Valdoviño... e 5 minutos despois atoparme rozando a area da praia. Nese precorrido, nese camiño, encontras de todo pedras, barro, algún xabarín ou corzo e moita diversión.

 

 

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar