NOVAS

15ª edición da Recreación Tradicional da Esfolla

Publicado o 09 de Novembro de 2012

Xa é venres de novo colegas de Dameuntoke!

A Concellería de Cultura e a Asociación de Veciños "A Naveira" de Doso, propóñenvos un plan para a tarde do sábado, a ver que vos parece!

 Trátase da 15ª edición da Recreación Tradicional da Esfolla. Para aqueles e aquelas que non o saibades a "esfolla" é unha reunión de persoas que se facía tradicionalmente para quitarlle as follas ao maínzo, na que tamén tiñan lugar diferentes xogos e bailes. Unha festa!

A cita será na pista polideportiva de Doso, a partires das 17:00 horas.

O programa previsto para celebrar a Esfolla é o seguinte:

  • Exposición de bonecos de maínzo (a partires dos traballos feitos polos alumnos/as de Educación Primaria dos colexios de Narón).
  • Museo Vivo (obradoiro vivo de “bolas da sartén” onde pequenos e maiores poden participar, realizando a súa bola).
  • Comitiva do carro do maínzo (un carro cargado de maínzo sairá do rueiro da Braña, acompañado de grupos etnográficos, e chegará á pista polideportiva de Doso, onde será recibido polos bailes e a música dos grupos do Padroado de Cultura).
  • Esfollado do maínzo (unha vez descargado o maínzo, os máis vellos do lugar inauguran a esfolla coma homenaxe á labor feita na conservación das tradicións).
  • Obradoiro de construción de bonecos coa folla do maínzo (realizaranse  obradoiros de construción de figuras tradicionais a partir da folla do maínzo, tal e como se facía nas casas labregas de Galicia para enredo dos máis pequenos).

 

A Recreación da Esfolla de Doso rematará coa degustación de chocolate e castañas, por cortesía da AVV “A Naveira”, e a actuación do grupo musical Balakandra, de San Sadurniño.

Está ben chula a proposta, imos aló?