NOVAS

Aberto o prazo de inscrición na actividade “Cantámosche os Reis” impulsada polo Servizo de Normalización Lingüística

Publicado o 12 de Decembro de 2022
Aberto o prazo de inscrición na actividade “Cantámosche os Reis”

O Concello programou a través do Servizo de Normalización Lingüística unha actividade de balde que require inscrición previa.

 

     

Así o indicou a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, que avanzou que se trata dunha proposta que se desenvolverán na Gándara, e para a que as persoas interesadas en acudir xa se poden anotar. Para facelo –é unha actividade de balde- deben escribir un correo electrónico á dirección a.pita@naron.es indicando o nome da actividade, o nome e idade do neno ou nena, o do pai, nai ou persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

O 4 de xaneiro a Casa da Mocidade e as inmediacións da Praza da Gándara acollerán (a parte teórica e de ensaio e a posta en práctica respectivamente) ás 17.30 horas o obradoiro “Cantámosche os Reis”, de Pablo Díaz. É unha proposta aberta á participación da cidadanía en xeral (recomendada para nenas e nenos que saiban ler) e na que colabora a Asociación de Comerciantes de Narón, a través do programa "Narón gaña co galego". O artista Pablo Díaz impartirá este obradoiro de cantos de Nadal, Aninovo e Reis, coa finalidade de recuperar a tradición oral galega, promover e reforzar a celebración do Nadal en galego e visibilizar o comercio local de Narón. As persoas participantes coñecerán algúns deses cantos tradicionais e posteriormente irán por algúns comercios da zona da Gándara para poñelos en práctica, cantando e pedindo o aguinaldo. Participarán ademais os membros do grupo Xemelgas, que amenizarán coa zanfona os cantos de Reis.

Así mesmo, dende o Concello animouse a felicitar o Nadal en galego, ofrecendo o Servizo de Normalización Lingüística para aquelas persoas que desexen que lles revisen o texto das súas postais, podendo enviarlo á dirección: a.pita@naron.es e tamén poden informarse ou utilizar recursos dispoñibles na web: https://naronengalego.gal/dinamizacion/.