NOVAS

Coñezamos algo máis a Iria Grandal García, a mellor deportista de Narón no 2012...

Publicado o 17 de Decembro de 2012

Iria Grandal Garcia

foi recoñecida hai unhas semanas polo Concello de Narón como a Mellor Deportista do 2012.

A súa traxectoria no tiro con arco é espectacular. Iria con só 22 anos xa conseguíu o sono de todo deportista: participar nunhas Olimpiadas. Iria vive e adestra en Madrid gracias a unha beca pero pertence ao Arco Narón.

Queredes saber un pouco máis sobre ela? Nós tamén...preguntamoslle?

Dameuntoke: Cal sería a historia de Iria contada por Iria?

Iria: Comecei a adestrar en serio coa chegada de Alberto Blázquez (ex-selecionador do equipo nacional) ao meu clube. Estiven un ano adestrando con el e ao final dese ano acudín ao meu primeiro Cto de España, conseguindo unha medalla de bronce. Entrei no Plan de Tecnificación Nacional da Federación Española e a partir de aí adestri moito para conseguir unha bolsa no CAR de Madrid onde resido actualmente.

Dameuntoke: De onde ven esa paixón polo tiro con arco? Das pelis de "indios e vaqueiros"? Robin Hood? 

Iria:  Máis que nada de tradición familiar, os meus pais empezaron nisto e logo meteuse o meu irmán, eu non podía ser menos e con 7 anos xa empecei a coller o arco. Ademais, no verán cos meus curmáns faciamos arcos de madeira e xogabamos aos indios por aí.

Dameuntoke: Nesta edición da Gala do Deporte de Narón recoñecéronte como a Mellor Deportista do 2012, pero non é a primeira vez que te dan un premio destes, non?

Iria: Non, a verdade é que non. En total, fun escollida catro veces como Mellor Deportista, unha vez premiouse a miña traxectoria e outra fun Mellor Promesa.

Dameuntoke: Cando recolliches o premio, tiveches un detalle moi chulo co Concello de Narón entregándolle 3 frechas, por que este agasallo? Que aportou Narón á túa carreira deportiva?

Iria: O agasallo é unha pequena parte de todo o agradecemento que lles debo. Acolleron ao meu clube dende o primeiro día, e eu sen eso, non estaría onde estou agora mesmo. Débolles moito e quería demostrarllo dalgún xeito na Gala do Deporte, así que optei por unhas frechas lanzadas en Londres.

Dameuntoke: Quen é o teu referente en tiro con arco? O teu sono ou meta a acadar?

Iria: Sung-Hyun Park, a única arqueira, tanto no tiro masculino como no feminino, que foi capaz de pasar dos 1400 puntos en arco olímpico. O meu sono ou meta é conseguir unha medalla nuns Xogos Olímpicos. Máis a corto prazo, teño que traballar uns problemas psicolóxicos que deixei aparcados nesta tempada pasada.

Dameuntoke: Como combina unha rapaza nova a súa carreira deportiva na élite coa súa vida social? Cos seus estudos?

Iria: Sempre bromeamos dicindo que nós non temos vida social, e é case certo. Os que adestramos aquí xa somos máis que amigos, como unha familia e fóra de aquí non podemos ter moita vida social. Nos estudos: máis do mesmo! Non levamos unha vida típicamente universitaria, case non podemos ir a clase. Os anos preolímpicos e olímpicos se cadra imos a unha materia en todo o ano, temos que adestrar mañán e tarde e non podemos facer amizades porque non podemos quedar, como fai o resto, os fins de semana.

Dameuntoke: Ti adestras no Centro de Alto Rendemento (CAR) en Madrid en vives na Residencia Blume. Como é un día nestes lugares?

Iria: Pois este ano é máis relaxado, básicamente se resume en ir a clase cando a tes, e cando non, a adestrar. Os luns e os domingos pola tarde descansamos.

Dameuntoke: Nós vemos as Olimpiadas dende fóra polo que nos ensinan na tele, pero como son unhas Olimpiadas dende dentro según Iria Grandal?

Iria: Chamoume a atención que todo cambia, todo o mundo se mobiliza para esto e a cidade se transforma. Dende o momento no que comeza a competición a cidade traballa por e para os Xogos, nada máis importa, só íso. A xente te para polas rúas, ves a xente con entradas nas mans para ir ver calquera deporte.

Dameuntoke: Falta moito, pero que farás cando remate a túa vida deportiva? A que edade acostuma a retirarse unha arqueira?

Iria: Non sei cando rematará a miña carreira deportiva, no tiro con arco non hai unha edade para retirarse, así que todo pode pasar. Non penso nese tema todavía e vivo o presente, frecha a frecha. Pero como está claro que do tiro con arco é case imposible vivir, estou estudando periodismo para poder adicarme a iso máis adiante, se poidera ser periodismo deportivo, sería outra meta cumprida.

Dameuntoke: Nós que somos moi aventureir@s queremos iniciarnos no deporte, recoméndanos o tiro con arco!

Iria: Parece unha tontería, pero que a xente o probe, porque engancha e axuda a relaxarse, concentrarte mellor, controllar as emocións de calquera tipo...Ademáis é un deporte para todas as edades e condicións físicas. No meu clube, o Arco Narón, poden vir a probar sen nengún tipo de compromiso, se lles gusta quedan senón poden marchar. Non perden nada por probar.

Dameuntoke: Envíaslle un saúdo á xente de Dameuntoke?

Iria: Un saúdo aos amigos e amigas de Dameuntoke Narón que sempre están informando de todos os eventos que hai no concello, a todos os seus lectores e lectoras, sempre interesad@s neses temas.

Moitas gracias Iria e moita sorte! Seguímoste dende a casa!