NOVAS

Curso de Autoprotección ante a Violencia de Xénero

Publicado o 06 de Novembro de 2012

O día 25 de novembro celébrase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

O día 25 de novembro celébrase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Con motivo desta data o Concello de Narón vai organizar unha serie de accións destinadas a concienciar á poboación diante desta problemática que tan presente temos nestas datas.

"Autoprotección ante a violencia de xénero" é unha destas accións. Trátase dun curso gratuito, dirixido ás rapazas e mulleres de Narón, que se vai desenvolver do 26 ao 30 de novembro, en horario de tarde de 17 a 19:15 horas no Centro Comunitario Casas da Mariña ( na rúa Illa San Vicente s/n). O obradoiro vai estar dividido en cinco sesións de traballo progresivo, para as cales resulta imprescindible a inscrición previa.

O curso ten como obxectivo aumentar os coñecementos das rapazas no referente á violencia de xénero, e dotalas das habilidades físicas e mentais que conven ter á hora de evitar as situacións que propicien unha agresión, ou, de acontecer, que poida sair co menor dano posible dela e teña a capacidade de pedir axuda.

Que ides aprender? Algunhas técnicas básicas de defensa persoal, básicas e sinxelas que valgan para defendervos física e psicolóxicamente dun ataque, dun maltrato, dunha vexación ou abuso. Aprenderedes a manter a calma en situacións de agresión, a ter conciencia do espazo, e a usar a postura e máis a voz para protexervos.

Rapazas de Dameuntoke aínda vos podedes apuntar!! O prazo de inscrición vai permanecer aberto ata que se cubran as prazas. Que tedes que facer? A inscrición a tedes que facer no Rexistro Xeral do Concello, as prazas otorgaranse por rigorosa orde de entrada das solicitudes, tendo preferencia as mulleres vítimas da violencia de xénero.

Tedes algunha dúbida? Non vos preocupedes, podedes chamar ao teléfono 981 33 77 00 (extensión 1113), e o personal do Concello vaivos atender moi amablemente e respostarán a todas as preguntas que lles prantexedes.

Vémonos no curso!