NOVAS

Dous días en Aldea Nova

Publicado o 09 de Xaneiro de 2013

Non, non, nada de quedar na casa sentadiño no sofá. Como sabedes esta é a filosofía do equipo de Dameuntoke.

Aproveitando o bo tempo deste raro inverno, coas primeiras raiolas do día dirixímonos a pasar dous días en Aldea Nova.

Chegamos a Aldea Nova

A tarde do venres chegamos ao parque temático integral de desenvolvemento rural Aldea Nova.

O noso equipamento compoñíase de roupa cómoda e botas de sendeirismo para comezar a nova aventura.

Os responsables do parque temático acolléronnos e aproveitamos a tarde para facer un percorrido polas instalacións nas que puidemos ver, entre moitas outras cousas, unha casa tradicional galega, o gando autóctono e unha horta cultivada. Tamén nos explicaron na área de enerxías renovables a importancia de ser “ecoeficientes”.

Sabiades que xa existen moitos casos reais de familias que xeran a súa propia enerxía e non dependen de terceiros?

A continuación repartimos o grupo para realizar diferentes actividades.

Algúns de nós preferimos coñecer o gando galego: as vacas cachenas cos seus fermosos cornos, o porco celta, as ovellas autóctonas e as galiñas piñeiras e de Mos.Outros, os máis larpeiros, foron a elaborar o pan moendo o trigo e amasando os ingredientes para acabar cocéndoo no forno de leña. Por último xuntámonos de novo para brincar un pouco con xogos populares galegos como a petanca, os zancos, a billarda, a roda, a rá ou o peón.

Para rematar o día fixemos unha cea e fomos para a cama dispostos a recuperar forzas para a excursión que nos esperaba ao día seguinte.

Descubrimos o río Xuvia

Espertamos ben cedo para trazar de novo a ruta de sendeirismo que quedamos en percorrer o día anterior. O obxectivo era recorrer 8 quilómetros a pé ata chegar á área recreativa de Pedroso que atravesa o río Xuvia. Como xa explicamos nalgunha ocasión nesta web, o río Xuvia é un dos encantos cos que conta Narón. Esta incluído na Rede Natura 2000 como Lugar de Importancia Comunitaria Xuvia-Castro e nel habitan especies tan fermosas como a londra, a garza, o raposo ou os corzos.

Os monitores que nos guiaron neste ruta explicáronnos a importancia do bosque caducifolio para conservar os nosos ríos. Por un lado as súas raíces fixan as marxes e, desta forma, evitan a erosión que provocarían as chuvias torrenciais. Doutra banda, axudan a regular a temperatura das augas do río, manténdoa case constante, especialmente no verán.

O temido percorrido de 8 quilómetros pasou moi rápido entre os contos e lendas de xenios acuáticos, os encantos, homes-peixes, feiticeiras e áureas.

Por certo, sabiades que o Concello de Narón conta coa web http://www.rioxuvia.naron.es onde podemos descargar 4 itinerarios máis?

Xantamos na area medioambiental Río Xuvia - Pedroso

Despois do percorrido decidimos quedar a xantar nesta área medioambiental e aproveitamos as primeiras horas da tardiña para ver o funcionamento do seu muíño restaurado, para xogar e mollar os pés nas beiras do río. Quizais foi un pouco precipitado xa que a auga estaba ben fría, aínda que nos serviu para argallar unha nova excursión no verán.

Con paso firme recollemos as nosas pertenzas para volver ao lugar de orixe, o Parque Temático de Desenvolvemento Rural Aldea Nova, onde rematamos esta aventura.