NOVAS

En tiro con arco, a xente de Narón: somos potencia!

Publicado o 20 de Novembro de 2012

En Narón: somos potencia!

Arco de Narón está levando ao noso concello a ser unha potencia a nivel galego, español e europeo. En Narón: somos potencia!

O pasado fin de semana este clube naronés estivo presente en diferentes e importantes competicións desta disciplina olímpica.

A nivel galego, na tarde do sábado celebrouse nas Pontes a derradeira xornada de liga e a Fase Final da Liga Galega de Clubes 2012, na que o Arco presentou dous equipos.

Como nos foi? O Arco Narón "A", formado por Óscar Sabuz, Rodrigo Fernández, Fran Area, Anxo Grandal, Anxo Grandal Jr e Iria Grandal; caeu en cuartos de final diante dos Arqueiros da Chaira de Vilalba, depois duna polémica decisión sobre o valor dunha das tiradas de desempate. Finalmente acadaron a 5ª posición. Non está mal!

O Arco Narón "B"  non loitaba por estar nos postos de cabeza pero si por acadar unha meritoria 11ª posición. O "B" do Arco Narón estivo formado por José Teijeiro, Pili García, Adrián Romero, Alejandro Villares, Federico Revuelta e José María Goiriz; diante tiveron aos Arqueiros de Cambre "B" aos que desta volta conseguiron vencer, noutra emocionante batalla.

Por outra banda, o arqueiro Alberto Blázquez participou nun importante torneo internacional: o F2F (Face to Face Archery Tournament) de Amsterdam. Este torneo organízase cada dous anos e participan nel, por invitación, os mellores arqueiros do mundo. Alberto é un arqueiro recoñecido internacionalmente e membro da selección española de tiro con arco, polo que foi merecidamente invitado a este evento, sendo o único representante español presente nesta cita.

Como lle foi ao noso arqueiro? Alberto estivo loitando por entrar na Fase Final con dous oponentes pero rematou caendo eliminado tan só por un punto de diferencia, polo que se tivo que despedir da competición. Aínda así é para estar ben orgullosos, xa que foi quen de prantarlles cara aos campeóns de Europa e do Mundo da disciplina.

Así pois, xa sabedes amigos e amigas de Dameuntoke, a xente de Narón somos potencia!!