NOVAS

Entrega dos diplomas dos cursos de Formación en Lingua Galega organizados polo Servizo de Normalización Lingüística

Publicado o 04 de Decembro de 2012

Xa remataron 

os cursos organizados polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello. A Concelleira de Educación de Narón, Mª del Carmen Espada, entregou onte día 3 de decembro, os diplomas correspondentes a dous cursos do programa de Formación en Lingua Galega.

Pero teñen vidiña estes cursos? Pois si, finalizaron con éxito ambos cursos un total de 29 persoas, das que 8 acudiron hoxe a recoller os seus diplomas, mentres que o resto non puido facelo por ocupacións laborais.

Pero de que eran eses cursos? Houbo dous cursos do mesmo, do galego pero algo diferentes ao mesmo tempo:

  • Lingua galega de calidade (do 5 ó 16 de novembro, con 30 horas de duración, e 15 alumnos). Neste curso traballáronse contidos como o cambio na normativa realizado no ano 2003, os aspectos máis problemáticos á hora de empregar con corrección a lingua galega pola interferencia lingüística do castelán, a morfosintaxe e léxico da lingua galega, etc…
  • A linguaxe administrativa (do 19 ó 30 de novembro, con 30 horas de duración, e 14 alumnos). O obxectivo deste curso foi o de dar a coñecer o estilo e as características da linguaxe administrativa, así como traballar a redacción de documentación.

 

En ambos casos, os cursos realizáronse no local da Asociación de Veciños de A Gándara. O obxectivo dos seminarios foi o de mellorar a competencia lingüística e comunicativa da cidadanía.

A Concelleira de Educación de Narón anunciou que dende o Concello “imos seguir apostando pola promoción da lingua galega, e polo tanto seguiremos organizando novos cursos”, indicou Mª del Carmen Espada.

Estaremos pendentes para informarvos!