NOVAS

Europa: Guía para viaxar, estudar e traballar

Publicado o 16 de Abril de 2013

Xentiña de Dameuntoke!! Estades pensando en viaxar por Europa? Buscades traballo máis alá dos Pirineos? Queredes rematar os vosos estudos nalgunha prestixiosa universidade europea?

Se estades a pensar en viaxar por Europa, ben sexa para estudar, para traballar ou como voluntarios en campos de traballo, seguramente teñades cheas de dúbidas na vosa cabeza sobre onde atopar traballo, onde podedes durmir, que papelorio tedes que preparar previamente, documentación...


Temos unha solución que pode axudarvos a responder todas esas preguntas: "Guía de Recursos Europeos para Jóvenes". Este documento é unha guía editada polo CIJ de Ibi, pertencente á Red Valenciana y Estatal de Servicios de Información Juveniles, polo que é un contido que podemos considerar fiable e seguro.

A guía conta con diferentes apartados:

  1. Viaxar por Europa: Neste apartado dannos información sobre a documentación que debemos levar na nosa viaxe por Europa (DNI, pasaporte, tarxeta sanitaria...); como movernos con seguridade (seguros de viaxe, temas de seguridade, consellos de seguridade, coche...); como usar os medios de transporte (autobús, avión...); e aloxamento (bed&breakfast, hostais, albergues, aloxamento gratuito...); ventaxas de ser novos (carné xove, carné de alberguista, carné internacional de profesor...); etc...
  2. Estudar en Europa: Neste apartado atopamos información xeral sobre os diferentes portais con información (PLOTEUS, EURYDICE...); sobre os diferentes programas de de intercambio (OAPEE, La Juventud en Acción); as becas e onde estudar (Universia, Bacharelato Internacional); os cursos de idiomas...
  3. Traballar en Europa: Aquí atoparemos información sobre o que debemos saber para traballar en Europa (libre circulación, mercado laboral, homologación de títulos, cv...) e onde buscar emprego (pola nosa conta, REDE EURES, prácticas profesionais e becas, traballos en verán,...).
  4. Voluntariado en Europa: Se queredes coñecer Europa facendo voluntariado atoparedes toda a información xeral necesaria (sectores de intervención, normativa, webs de interese); material sobre os campos de traballo (tipos, quen os xestiona e características); Servizo de Voluntariado Europeo (Agencia Nacional Española, Youthpass e SVE); e sobre a cooperación internacional (ONGs, proxectos....).
  5. Outro xeito de coñecer Europa: Para buscar métodos alternativos de coñecer o vello continente mediante a participación en premios e concursos, campamentos de inmersión lingüística...
  6. Fontes de información

 

Toda esta información a tedes condensada nunha soa guía de 114 follas en formato PDF. Esta xenial, non? Así deixaremos de tolear buscando información dunha web a outra.

Para descargar esta guía, na súa versión en castelán, tedes que picar no seguinte enlace: http://ibijuventud.files.wordpress.com/2013/02/guia_cast.pdf