NOVAS

A IX Mostra da Camelia ‘Cidade de Narón’ celébrase este fin de semana no Centro Comercial e de Ocio Odeón

Publicado o 22 de Marzo de 2013

Xa chegou a primaveira! Xa chegaron as flores!! Coidado coas alerxias!

A Concelleira de Festas e Ocio, Mª del Mar Gómez; o Presidente da Asociación Galega da Camelia, Tomas Casal; o Concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Ramos e a Concelleira de Turismo de Narón, María Rodríguez Porto, presentaron o día 21 de marzo a IX Mostra da Camelia "Cidade de Narón" que se celebrará os días 23 e 24 de marzo no Centro Comercial e de Ocio “Dolce Vita Odeón”.

Este fin de semana no Odeón ides atopar unha invasión floral, xa que hai prevista a presenza de 32 expositores da Coruña, Pontevedra e Asturias. Ademáis cinco das asociacións veciñais de Narón van estar presentes tamén nesta mostra.

Non todo vai ser expoñer, tamén haberá o 5º Concurso de Flor de Camelia, no que se entregarán os seguintes premios:

  1. Mellor cultivador-expositor (o gañador deste galardón non poderá optar a ningún outro do concurso, pola súa importancia).
  2. Mellor composición artística colectiva (dirixido a asociacións).
  3. Mellor especie de camelia.
  4. Mellor camelia xapónica.
  5. Mellor camelia reticulata.
  6. Mellor camelia miniatura.
  7. Mellor híbrido de camelia.

 

Se queredes visitar a Mostra, este é o horario previsto: sábado dende as 17:00 horas (entrega de premios e apertura da mostra) e domingo de 10:00 a 21:00 horas.

Se non sodes moito de flores, sabede que haberá outras actividades en paralelo á Mostra da Camelia:

  • Para @s amantes do motor: tedes unha exposición de autos clásicos de Narón, na que poderedes admirar 25 vehículos clásicos, algún deles de case 100 anos, que estarán aparcados no exterior do Odeón.
  • Para @s amantes da arte: haberá un obradoiro de pintura en vivo a cargo da Asociación Artístico-Cultural Mesturas, os cadros que saian desta actividade, serán mostrados no futuro nunha exposición.

 

Narón mantén unha estreita relación coa promoción da camelia, e boa proba diso é o paseo de camelias que tense prantado fai dous anos no Parque Fluvial do Río Freixeiro, formado por 150 árbores deste tipo. Ademáis, conta xa cunha variedade de camelia denominada Cidade de Narón, en fase de cultivo.

O apoio incondicional amosado polo Concello de Narón fíxolle gañador do título de Socio de Honra, que lle otorgará o sábado 23 a Asociación Galega da Camelia no transcurso do xantar previo á inauguración da mostra. Tamén recibirá o mesmo galardón o botánico Carlos Rodriguez Dacal, cuxo nome adorna unha praza do barrio do Alto.

Que? E haberá que ir, non?