NOVAS

Máis de 250 menores participaron nas actividades do proxecto de dinamización “Casa Aberta” nas instalacións da Casa da Mocidade

Publicado o 04 de Xaneiro de 2023
Casa aberta actividades

Un total de 256 persoas participaron o pasado ano no proxecto de dinamización da Casa da Mocidade “Casa Aberta”.

Menores de 12 a 16 anos implicáronse nesta iniciativa de socialización en torno ao xogo que deu comezo o 18 de novembro e rematou o 29 de decembro, os venres e sábados en horario de tarde.

Obradoiros de debuxo, pintura, impresión 3D, reciclaxe textil, danza urbana, escape room, videofórum, tenis de mesa, zonas de xogos de mesa e de lectura xuvenil, futbolín e diana comunitaria foron algunhas das propostas que se levaron a cabo durante este programa, impulsado a través da Concellería de Mocidade, que dirixe o edil Pablo Mauriz.

“Dende o Concello tratamos de dar resposta ás demandas que nos plantexou o colectivo de rapazas e rapaces en espazos de participación e tamén de poñer en marcha unha oferta de ocio específica para eles co fin de fomentar a adquisición de habelencias, recursos persoais, fomentar as relacións entre iguais…”, explicou Mauriz. O edil naronés asegurou que “estamos moi satisfeitos coa boa acollida deste proxecto de dinamización municipal que se levou a cabo na Casa da Mocidade, un espazo pensado para as rapazas e rapaces de Narón e que ofrece moitas outras propostas ao longo do ano”.