NOVAS

A miña primeira vivenda en aluguer

Publicado o 30 de Novembro de 2012

Atopar unha primeira vivenda en boas condicións e a un prezo asumible é un dos grandes problemas cos que se atopa a xuventude .

Atopar unha primeira vivenda en boas condicións e a un prezo asumible é un dos grandes problemas cos que se atopa a xuventude . O aluguer é unha boa opción para comezar.

Se pretendes alugar unha vivenda ou solucionar algunha dúbida respecto aos teus dereitos e deberes é preciso que teñas como referencia a lei que actualmente rexe este tipo de contratos. Trátase da Lei 29/1994, de 24 de novembro de Arrendamentos Urbanos.

Á hora de asinar o contrato ten en conta:

  1. Os contratos deben formalizarse por escrito. Xa di o refraneiro que “as palabras lévaas o vento”, así que asegúrate de formalizar o contrato por escrito para poder defender os teus dereitos como arrendatarios. Non existe un modelo concreto, só é necesario que as dúas partes vos poñades de acordo nas condicións e que estas se manifesten por escrito.
  2. Recorda pactar determinados aspectos. Os gastos por servizos cos que conta o inmoble, a taxa da Comunidade de Propietarios ou o Imposto de Bens Inmobles son aspectos do contrato que deben pactarse cos propietarios para decidir quen se fai cargo dos mesmos.
  3. A duración do contrato de aluguer acórdase libremente. Agora ben se o prazo de duración do contrato é menor a 5 anos, chegada a data de vencemento do mesmo este prorrógase obrigatoriamente por prazos anuais ata alcanzar esta duración (5 anos) agás que o inquilino lle manifeste ao propietario que non ten intención de continuar na vivenda alugada. Polo tanto o propietario está legalmente obrigado á prorroga do contrato de arrendamento ata acadar os cinco anos.
  4. O propietario pode solicitar ocupar de novo a súa vivenda. No caso de que o arrendador manifeste, expresamente no contrato, que pode necesitar a vivenda nun momento dado para uso propio seu ou dalgún dos seus familiares adquire o dereito á cancelación do contrato debendo sinalar a causa específica que o motiva.
  5. A renda. É a cantidade que nos pagamos á persoa que nos aluga unha vivenda. Este prezo pactase mutuamente e soe distribuírse en pagos mensuais. Anualmente faise unha actualización da renda en conformidade coa variación que experimente o Índice de Prezos ao Consumo (IPC). Polo tanto a renda incrementarase se sube este indicador e diminue se este baixa.
  6. Gastos que debemos asumir. Como arrendatarios asumimos uns gastos asociados ao uso habitual da vivenda. Estes son os gastos de suministro (luz, teléfono, auga, gas…) e as taxas do lixo.
  7. A fianza. A lei estipula que á hora de formalizar un contrato de arrendamento da vivenda estamos obrigados a deixar ao arrendador unha cantidade en metálico equivalente a unha mensualidade da renda pactada que se denomina fianza. O ingreso da fianza debe realizarse a través dunha transferencia bancaria, engadindo copia e orixinal do contrato de arrendamento e copia e orixinal do D.N.I.
  8. Devolución da fianza. A fianza non deixa de ser unha garantía. Ao final do contrato serve para sufragar, no caso que sexa necesario, aquelas obrigacións que como arrendatarios asumimos: facturas de suministro pendentes de abono, posibles desperfectos ou impagos da renda.
  9. Outras garantías. En ocasións os donos das vivendas solicitan fianzas maiores ou avais bancarios. Neste caso están no seu dereito aínda que debe ser algo que pacten con nos e que quede descrito no contrato de aluguer que asinamos.

Axudas ao alugueiro de vivendas

Recomendámosche que consultes as seguintes axudas ao alugueiro de vivendas que actualmente están vixentes. Contar cun incentivo económico é unha axuda para emanciparnos e ter a nosa casiña. Toma nota:

  • Programa Aluga: o programa Aluga da Xunta de Galicia consiste en axudas mensuais no alugueiro de vivenda para os que temos máis dificultades económicas. Información: http://igvs.xunta.es/web/igvs/portada
  • A Renda Básica de Emancipación: é outra liña dirixida a mozas e mozos de entre 22 e 30 anos titulares dun contrato de arrendamento da vivenda na que residen e que conten cunha fonte regular de ingresos menor a 22.000 euros brutos anuais. Información: http://igvs.xunta.es/web/igvs/portada
  • Axudas para a promoción de aloxamentos protexidos destinados a colectivos especialmente vulnerables: trátanse de vivendas cunha superficie útil de entre 40 e 45 metros cadrados destinadas ao alugamento por parte da mocidade (mozas e mozos de ata 35 anos) ou colectivos específicos como persoas da comunidade universitaria, ou investigadores e científicos.
  • Adxudicación de vivendas de promoción pública en réxime de alugamento: son vivendas de protección oficial de promoción pública e vivendas cualificadas en núcleos rurais e barrios históricos destinadas ao arrendamento (con ou sen opción a compra). Para acceder a este rexistro de vivendas hai que inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia. Información: http://igvs.xunta.es/web/igvs/portada

 

Se desexas obter máis información ou tes dúbidas específicas achégate á OMIX do Concello de Narón, sita no primeiro andar. Tamén podes escribirnos ao correo mocidade@naron.es, ou achegarte a calquera dos servizos de xuventude (o máis próximo que temos é a oficina local de Ferrol sita no edificio administrativo na Praza Camilo Jose Cela S/N 1º) con teléfono 981337290. Tamén na web www.xuventude.net podes descargar esta información.