NOVAS

Música gospel, folk, un musical e un espectáculo de circo para despedir a programación deste ano no Pazo da Cultura

Publicado o 14 de Decembro de 2022
Música gospel, folk, un musical e un espectáculo de circo para despedir a programación deste ano no Pazo da Cultura

O Pazo da Cultura acollerá este mes catro espectáculos enmarcados na programación anual do Padroado da Cultura con motivo destas datas de Nadal.

A primeira cita será este xoves, día 15, ás 20.30 horas, con “The Harlem Gospel Choir”, un concerto protagonizado por un coro de gospel constituído no ano 1986 e moi recoñecido nos Estados Unidos. Unha decena de componentes desta formación subiranse un ano máis ao escenario do Pazo para ofrecer o tradicional concerto de música gospel do Nadal na cidade. As entradas teñen un prezo de 12 euros para o público xeral e de 8,40 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos).

Esta fin de semana tamén se programou un espectáculo de circo, “Galtük, un sueño de Navidad”, que se poderá ver o venres ás 19.00 horas, o sábado ás 17.00 e 19.00 e o domingo ás 12.30 e 18.00. A compañía La Fiesta escénica regresa a Narón con este show circense que xa o pasado ano tivo un gran éxito de acollida. Unha nena que no seu soño perde os seus xoguetes é a protagonista desta historia e estará acompañada por outros xoguetes, en forma de personaxes de circo, que lle axudarán a buscalos. O prezo das entradas é de 12 euros para o público xeral; 8,40 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e de 7 euros para menores de 14 anos.

O mércores 28 de decembro  ás 17.00 horas poderase ver no Pazo o musical “La gran aventura de los Reyes Magos”, unha proposta á fronte da que está unha estrela cunha misión moi particular: atopar aos tres Reis Magos para levalos ao pesebre xunto co neno Xesús, María e Xosé. As entradas teñen un prezo de 16 euros no patio de butacas; 14 no anfiteatro 1 e 12 euros no anfiteatro 2.

A programación anual do Padroado da Cultura pechará o día 30 deste mes cun concerto de música folk tradicional a cargo de Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre ás 20.30 horas. “As catedrais silenciadas” traerá ao Pazo hora e media de música na que non faltarán os pasodobres, as xotas, muiñeiras… As entradas teñen un prezo de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos). Poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.