NOVAS

Non tiredes nada, vendede!: II MERCADO DE 2ª MAN

Publicado o 07 de Maio de 2013

Cantas cousas tedes na casa que non usades pero que vos da pena tirar ao lixo? Non tedes a quen darllas... este é o voso momento: II Mercado de 2ª Man.

Lembrades que xa houbo unha primeira edición? Esta foi a nova recollida en Dameuntoke: http://www.dameuntoke.es/novas/que-cousas-vos-sobran-na-casa-mercado-de-2-man-no-trece Foi todo un éxito, estivo xenial! polo que dende o Concello decidiron que había que repetir esta experiencia.

A data escollida para este mercado é o vindeiro 9 de xuño. O lugar é o mesmo que na I edición, o Recinto Feiral do Trece (Sedes).

Bulide! Xa tedes o prazo aberto para vos apuntar, hai 60 postos dispoñibles, que van ser asignados por rigorosa orde de inscrición.

Que hai que facer para participar?:

  1. Ser maior de idade, e ser particulares, non poderán participar nin comerciantes nin vendedores ambulantes, que xa contan cos seus eventos e espazos propios.
  2. Entregar a instancia (adxunta a esta nova) no Rexistro do Concello de Narón, na planta baixa.

 

A organización proporcionaralles aos participantes unha mesa e unha cadeira por posto, onde poderán expoñer diferentes tipos de artigos: roupa, discos, mobles, cámaras, posters,...

O horario do evento será de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, sendo a entrada de balde.

Se tedes algunha dúbida ou queredes máis información podedes chamar ao 981337700, extensión 1517; Ana Veiga respostará a todas as vosas dúbidas.  

Ademáis vanse sortear 5 vales de compra de 50€ cada un para gastar nos comercios de Narón, en colaboración coa Asociación de Comerciantes de Narón.

Que? Haberá que ir, non? Teremos que valeirar os faiados e darlle unha nova vida a eses obxectos que xa non nos valen!

Xa sabedes: II Mercado de 2ª Man o 9 de Xuño en Sedes. Imos alá!