NOVAS

Novas actividades extraescolares en Narón para o curso 2012-13

Publicado o 28 de Setembro de 2012

Neste vindeiro curso 2012-13, os mozos e mozas de Narón teremos ó alcance das nosas mans novas actividades que complementan a oferta deportiva e cultural existente.

Este Programa Municipal de actividades extraescolares é iniciativa da Concellería de Educación e vaise desenvolver nos centros escolares públicos. Contén cinco tipos de actividades diferentes:

1-“Reforzatic”: Actividades gratuitas que van reforzar a aqueles de nós que teñamos dificultades de aprendizaxe ou adaptación mediante as novas tecnoloxías.Vai dirixido a alumnos de primaria e será impartido por mestres, educadoras e pedagogos/as. Os grupos serán de 12 alumnos/as como máximo.

2-Laboratorio das Linguas ou Idiomas: Dirixida á educación Primaria, funcionarán 5 grupos de 12 a 15 nenos/as, e estará impartido por filólogos/as. Neste laboratorio vaise traballar en diferentes idiomas: inglés, galego, castelán, francés e alemán.

3-Actívate: Aquí imos facer actividade física a través do xogo cooperativo, facendo esforzos físicos sinxelos e adaptados a cada un. É unha oportunidade única para estar en contacto coa Natureza, xa que tamén faremos senderismo. Tratarán tamén de adestrarnos en medidas de autodefensa e seguridade e construiremos e axudaremos a condervar o mobiliario urbano.

4-Escola de familias: Esta actividade é para maiores e pequenos: nais, pais, avós, avoas, titores e fillas/os. O que pretende é educar nun ambiente lúdico, con xogos de roles, debates, merendas, obradoiros de cociña e tertulias. Serve para aprender esa disciplina que non se imparte nos centros educativos: ser pai ou nai. Funcionarán 5 grupos de 15 a 20 prazas, e estará dirixida por pedagogas/os, e educadores.

5-Exprésate: Este obradoiro experimental vai dirixido a adolescentes de ESO, Bacharelato e FP. Por medio dun taller de graffiti e outro de música-voice. Está dirixido por un xoven grafiteiro e un experto en música coral de adolescentes, funcionarán 2 grupos de 15 prazas cada un.

O período para inscribirse nestas actividades será do 1 ó 15 de outubro, data esta última na que comenzarán. Poderanse inscribir despois dese período se houbera prazas vacantes.

¿Cal é a vosa actividade favorita? ¿A que estades esperando?