NOVAS

O Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros acolle dúas exposicións da Asociación Cultural ASCM e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal

Publicado o 19 de Decembro de 2022
O Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros acolle dúas exposicións da Asociación Cultural ASCM e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal

O Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros acolle ata o 30 deste mes dúas exposicións artísticas cedidas pola Asociación Sociocultural ASCM e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal.

A concelleira responsable do Servizo Sociocomunitario de Narón, Mercedes Taibo, recordou que as mostras forman parte dos actos conmemorativos do Día dos Dereitos Humanos e animou á cidadanía a achegarse a velas antes de finais de ano.

“Camiño da inclusión” é a exposición cedida pola ASCM, que está integrada por unha vintena de imaxes sobre a peregrinación que realizaron en cadeira de rodas membros da entidade polo Camiño Inglés, dende Ferrol ata Santiago de Compostela. 

En canto á mostra cedida por Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, está composta por varias pezas artísticas realizadas nos obradoiros ocupacionais da entidade. Cadros pintados a man, roupa feita a ganchillo e calceta, manualidades… forman parte desta exposición.

“Quero agradecer ás dúas asociacións a cesión destas mostras para que poidan chegar a todas as persoas interesadas, ofrecendo un espazo para amosar parte das súas actividades e traballos”, subliñou Taibo. A concelleira asegurou que a través destas mostras “queremos poñer en valor o labor que desenvolven as entidades que traballan con e para as persoas con diversidades e tamén o seu compromiso para seguir avanzando cara a unha sociedade plenamente inclusiva, un obxectivo no que tamén continuamos traballando día a día dende o Concello naronés”.