NOVAS

O Concello abrirá mañá o prazo de inscrición nun curso de “Operador/a de carretillas e plataformas elevadoras-PEMP”

Publicado o 06 de Novembro de 2020

O Concello de Narón abrirá mañá o prazo de presentación de solicitudes para un curso de “Operador/a de carretillas e plataformas elevadoras PEMP (con certificación UNE).

Así o anunciou a concelleira de Formación, Natalia Hermida, que explicou que se trata dunha convocatoria dirixida a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón. As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro 14 de novembro no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica e a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

O curso terá unha duración total de 75 horas (35 de certificación; 20 horas de prácticas a maiores e outras 20 de módulos adicionais) e diríxese a un total de doce persoas. As clases impartiranse nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, estando previsto que se desenvolvan entre o 21 de novembro e o 13 de decembro deste ano, de luns a venres entre as 9.00 e as 14.00 horas.

Operador/a de carretilla elevadora, operador/a de plataformas elevadoras móbiles de persoal (PEMP) UNE 58923:2014; prácticas e módulos de igualdade entre homes e mulleres e de orientación para a empregabilidade, así como tres charlas con persoal experto, forman parte dos contidos incluídos no programa deste curso. Unha das recomendacións para esta acción formativa é ter carné de conducir, debido ao manexo das carretillas, e non padecer vertixe, tal e como figura nas bases.

O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no Rexistro, no caso de que a demanda de prazas supere á oferta. As persoas interesadas en obter máis información poden consultar a web do Concello: www.naron.es, ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).

A concelleira de Formación, Natalia Hermida, animou ás persoas que cumpran os requisitos a anotarse nesta nova acción formativa convocada a través do Programa Municipal de Formación.