NOVAS

O Concello cede a Aula Cemit de Xuvia nos meses de xuño e xullo para realizar exames das tres universidades galegas

Publicado o 09 de Xuño de 2020

A aula estará dispoñible para todo o alumnado das universidades cun usuario que estea rexistrado e dado de alta na Rede CeMIT.

O Concello Narón comprometeuse a poñer a disposición das universidades da Coruña, Santiago e Vigo a Aula CeMIT de Xuvia nos meses de xuño e xullo para a realización dos exames do actual curso. A concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, explicou que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e as tres universidades galegas, xunto coa Federación Galega de Municipios e Provincias, asinaron un convenio de colaboración no que participará tamén o Concello naronés, tal e como lle trasladou á Fegamp.

Hermida explicou que a cesión da Aula CeMIT, Aula de Referencia recoñecida pola Xunta de Galicia dende 2018 pola súa elevada actividade ao longo do ano, será de luns a venres en horario de 10.00 a 13.00 e indicou que, tal e como acordaron os responsables das entidades asinantes do acordo, os universitarios deberán levar os seus equipos e un teléfono móbil para darse de alta na Wifi da Xunta, ofrecéndoselles na Aula CeMIT a conexión a Internet e tamén un servizo de asesoramento para dispoñer desa conexión a través do responsable da citada aula.

O alumnado que estea interesado en facer uso deste servizo debe rexistrarse como usuario/a da Rede CeMIT a través da web CeMIT, no enlace “Alta nova/o usuaria/o” ou directamente na URL: https://aulascemit.xunta.es/usuarios/spring/usuarios. Ao finalizar o proceso recibirá un correo electrónico confirmando a alta, nome de usuaria/o e contrasinal e despois deberá solicitar con máis dunha semana de antelación reserva de praza para realizar o exame na Aula CeMIT elixida a través da dirección: https://cemit.xunta.gal/buscador e cumprimentar os campos indicados no apartado “Conectividade-Exame para universitari@s” para que acepten a súa solicitude. O alumnado debe presentarse na Aula cumprindo as medidas de seguridade recomendadas (manter a distancia de seguridade de dous metros, levar luvas e mascarilla e hixiene de mans). Para solventar dúbidas pódese chamar ao teléfono 981 910 359 ou escribir á dirección: cemit@xunta.gal.