NOVAS

O Concello e o Cineclube Serie B organizan o ciclo de cine “Desmitificando o amor romántico”

Publicado o 28 de Outubro de 2022
O Concello e o Cineclube Serie B organizan o ciclo de cine “Desmitificando o amor romántico”

A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, presentou esta mañá xunto con Alberto Pena e Anabel Valera, presidente e secretaria, respectivamente, do Cineclube Serie B, o ciclo de cine “Desmitificando o amor romántico”.

Desenvolverase do 2 ao 16 de novembro no Pazo da Cultura. Ferreiro destacou esta nova colaboración entre o Padroado da Cultura e o Cineclube Serie B para ofrecer nesta ocasión tres novas sesións de cine con entrada de balde.

Alberto Pena explicou que as proxeccións terán lugar ás 20.00 horas e agradeceu a implicación do Padroado da Cultura coas actividades impulsadas a través do Cineclube Serie B.

A primeira proxección, o mércores día 2, será “Olvídate de mí”. De Michel Gondry, protagonizada por recoñecidos actores como Jim Carrey, Kate Winslet ou Kirsten Dunst. A seguinte cita será o 9 de novembro, cando se poderá ver a película “Mi vida sin mí”, de Isabel Coixet, un filme cargado de existencialismo e sensibilidade e que é o máis aclamado da directora española. Finalmente, o 16 de novembro rematará este ciclo coa proxección de “La la land”, de Damien Chazelle, unha película que leva ao espectador a reflexionar sobre as dificultades das relacións de parella, o mito das almas xemelgas ou a priorización da carreira profesional sobre as relacións románticas.

Dende o Concello e o Cineclube Serie B animaron ás veciñas e veciños de Narón e doutros concellos a achegarse ao Pazo para acudir a este novo ciclo, que conta co respaldo da administración autonómica e da Federación de Cineclubes de Galicia.