NOVAS

O Concello organiza un novo obradoiro de “Chef solar e alimentación saudable” na Solaina

Publicado o 14 de Xullo de 2020

A actividade vai dirixida a persoas de todas as idades e contará coa participación de profesionais en diversas áreas relacionadas coa temática do obradoiro.

O programa municipal “Narón en Transición” convoca este sábado día 18, un novo obradoiro sobre “Chef solar e alimentación saudable”. Nesta ocasión a cita será no campo da festa da Solaina (fronte ao local social municipal) en horario de 11.00 a 13.00, tal e como indicou o concelleiro de Medio Ambiente, Santiago Galego. O edil naronés asegurou que a cita, que o pasado sábado se desenvolveu no paseo marítimo de Xuvia, obtivo moi boa acollida entre a veciñanza de Narón e incluso doutros concellos, dende donde se achegou xente para gozar das propostas que se levaron a cabo no marco deste obradoiro.

Galego indicou que a actividade, de balde e que non require inscrición previa, diríxese a persoas de todas as idades e permite participar en obradoiros de cociña solar, construción de cociñas e fornos solares, de móbiles e vehículos solares, alimentación saudable… guiados por profesionais nestas materias. “A ecoloxía e o coidado e respecto do medio ambiente están moi presentes nas diferentes actividades que nos últimos meses impulsamos dende o Concello no marco do programa Narón en Transición, e que terá continuidade nas vindeiras semanas”, asegurou. O 19 de setembro, a cita con estes mesmos obradoiros será na Praza da Gándara e, o 26 de setembro, na Praza de Galicia. 

Galego incidiu en que as actividades se realizan seguindo as indicacións sanitarias e animou á cidadanía a participar para gozar dun xeito lúdico e á vez formativo das diferentes propostas.