NOVAS

Xa chega o 25 de novembro!

Publicado o 22 de Novembro de 2012

Que pasa o 25 de novembro?

É o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Por que se celebra ese día e non outro? Porque o 25 de novembro de 1960 tres activistas políticas foron asasinadas a mans da policía secreta do dictador Rafael Trujillo na República Dominicana. No I Encontro Feminista de Latinoamérica e do Caribe celebrado en Bogotá en xullo de 1981 declarouse esa data como Día Internacional contra a Violencia á muller. Nesta xuntanza as mulleres denunciaron a violencia de xénero a nivel doméstico, a violación e o acoso sexual de estados, a tortura e os abusos a prisioneiras políticas. (Fonte: Educación en valores)

O Concello de Narón é un concello preocupado e implicado con estes temas, polo que desenvolve durante todo o ano diferentes actividades orientadas a reducir as desigualdades entre homes e mulleres e as actitudes violentas de xénero. Amigos e amigas de Dameuntoke, se queredes seguir estas actividades podedes consultalas no portal de Igualdade. Estas actividades, intensifícanse no mes de novembro.

Cales son as actividades programadas? Tedes todo o mes para visitar a exposición con carteis do I Concurso de Carteis conmemorativos do 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. As obras están expostas na Biblioteca Municipal do Alto, de luns a venres de 09:30 a 13:30 e os sábados, de 10:00 a 13:00. Non tedes excusa para non achegarvos!

O 25 de novembro temos unha cita ineludible na Praza de Galicia ás 12 horas, alí imos facer unha concentración participativa organizada pola Marcha Mundial das Mulleres.

Os días seguintes: 26, 27, 28, 29 e 30 terá lugar o curso de "Autoprotección ante a Violencia de Xénero" no Centro Comunitario Casa da Mariña.

Haberá algo máis? Claro, como non... Haberá un Videofórum contra a violencia de xénero que xirará polos centros cívicos. O día 26 de novembro, a xentiña de Xúvia poderá participar dende as 18:30 no centro social; o 27 os de Pedroso no local veciñal dende as 17 horas; o 30 teredes este fórum na Casa da Mocidade, tamén ás 17 h e para os despistados, o 10 de decembro o teredes no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiro. Ademáis, Paloma Palenciano vainos presentar outro videofórum titulado "Narón Shore", o 29 de novembro ás 17 h na Casa da Mocidade. A verdade é que só co título xa promete.

Gústanvos os monólogos? Pois tedes un relacionado coa temática programado para o 28 de novembro no Auditorio Municipal, titúlase "No solo duelen los golpes". Imos?

Todos estes actos rematarán o 10 de decembro, coa lectura dun manifesto institucional e unha ofrenda floral no monumento á muller na Praza da Gándara.

Xa o sabedes dameuntokianos/as: tedes unha cita contra a violencia de xénero!