NOVAS

Actividades do programa APEGO para socializar en galego!

Publicado o 17 de Abril de 2018

A Concellería de Ensino, dirixida pola edil Mercedes Taibo anunciou hai uns días unha serie de actividades a través do Servizo de Normalización Lingüística, enmarcadas no programa Apego.

As propostas desenvolveranse entre este mes e os de maio e xuño en centros cívicos sociais da zona urbana e rural da localidade e tamén na escola municipal infantil de Piñeiros, tal e como avanzou a edil naronesa. A concelleira subliñou que “a través deste programa municipal colectivo temos a oportunidade de impulsar a socialización en galego das nenas e nenos desde a súa infancia, con propostas tanto na zona urbana como rural para facilitar así a asistencia e tamén outras dirixidas especificamente ao profesorado das escolas infantís municipais”.

 

  • A programación de actividades xa está en marcha, e a vindeira cita será teatral, neste caso Mans, de Pablísimo, o vindeiro día 27 deste mes no Centro Cívico Social de Piñeiros. A primeira sesión será ás 18.00 e a segunda ás 19.00 e están dirixidas a nenas e nenos de 4 a 9 anos e ás súas familias –un máximo de vinte e cinco menores por cada quenda-. Neste espectáculo cóntanse unha serie de historias con palabras e as personaxes aparecen nas mans. Os asistentes presenciarán unha proposta cun marcado carácter tradicional no que os contos populares e de creación propia, as fábulas, os monicreques e o xogo cobrarán especial relevancia.
  • As actividades continuarán o mes de maio, concretamente o día 11, no Centro Cívico Social de San Xiao. Alí están convocadas as nenas e nenos de 0 a 3 anos e as súas familias, a partir das 18.00 horas, para asistir ao espectáculo O quebranoces para bebés, de Musicreques. A maxia do conto clásico de Hoffman e a música de Tchaikovsky centrarán esta proposta, que combina o teatro de monicreques coa música de piano en directo. Os menores coñecerán a un simpático ruso, un chinés presumido e unha serpe que quere ser unha ra e tamén poderán disfrutar das cantigas e bailes cos que recoñecer as partes do corpo e iniciarse no mundo da pequena percusión.
  • O venres 25 de maio será o turno de Xarope Tulú, que levará ao Centro Cívico Social do Couto o espectáculo María e os ollos alabarados. Será a partir das 18.00 horas e para un máximo de 25 menores de entre 3 e 8 anos. Neste caso a actividade está directamente vencellada ao Día das Letras Galegas, ao achegar aos asistentes ao universo de María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano nesa data. A través de diversos fragmentos de obras desta escritora e mestra realizarase un repaso pola súa traxectoria vital e partindo da viaxe que realiza unha moza polos seus recordos de infancia, moi marcados por unha das súas mestras.
  • A programación do mes de xuño comezará o día 8, con Danza creativa en familia, de Xanzá Movemento Eco-Creativo. Nesa ocasión realizarase unha actividade divertida e cooperativa na que a palabra, a respiración, a música, o baile e o xogo contribuirán a fornecer o vínculo dos bebés cos seus pais e nais. Neste caso tamén se programaron dúas sesións, a partir das 17.30 e das 19.00 horas, para menores de 0 a 18 meses e de 19 a 36, respectivamente, limitadas a un máximo de vinte participantes. 
  • Por último, pechará esta programación trimestral a obra Cociñando música, do Capitán Garfo. Será o día 15 no Centro Cívico Social de Sedes, cunha única sesión a partir das 18.00 horas. Os nenos e nenas de 4 a 8 anos e as súas familias son os destinatarios desta actividade –un máximo de trinta-, na que un particular Capitán Garfo preparará un nutritivo e divertido menú musical para que os asistentes valoren a importancia de seguir uns bos hábitos alimentarios, aprendan a poñer a mesa ou a “facerse amigos” das verduras e ensaladas.

 

As persoas interesadas en participar nestas actividades, todas elas de balde, deberán anotarse a través do correo electrónico: a.pita@naron.es, tal e como recordou Taibo. A edil naronesa explicou que no momento de anotarse deben especificar o nome da actividade, o do neno/nena e idade, así como o do pai/nai ou persoa que o acompañará, e facilitar un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. As prazas cubriranse por orde de inscrición.