A alcaldesa presidiu onte o acto inaugural do I Congreso Internacional On your bike! no Pazo da Cultura

Versión para impresoraEnviar a un amigo
R_Congreso Pazo.jpg

Algo máis de 120 escolares de centros educativos de Narón, Noruega, Finlandia, Turquía e Portugal asistiron onte á primeira edición do Congreso Internacional On your bike! O Café Teatro do Pazo da Cultura acolleu o acto inaugural, ás 10.30 horas, no que participou a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro. A rexedora local trasladoulles aos asistentes, entre os que tamén se encontraba persoal docente e do Centro de Formación e Recursos de Ferrol, a súa satisfacción por poder acompañalos novamente hoxe nesta iniciativa do programa europeo On your bike! O Concello de Narón participa, a través do CFR de Ferrol, xunto cos colexios plurilingües Virxe do Mar e Ponte de Xuvia e o CEIP da Solaina.

A alcaldesa destacou a importancia de que a través dun evento como o celebrado onte no Pazo “poderemos coñecer un pouco máis o traballo que realizades en materia de educación viaria nos vosos centros, compartíndoo con nós, e tamén ver o que nestes últimos anos se avanzou en Narón nesta área”. Ferreiro recordou algúns dos últimos programas e iniciativas impulsados desde o Concello de Narón, como os Camiños Escolares Seguros, os circuítos de educación viaria, os tapices educativos ou o programa Bica e Arrinca. Finalmente, na súa intervención, a rexedora local animou aos estudantes e docentes europeos a continuar gozando desta semana de actividades e lecer na cidade. 

Trala intervención da alcaldesa falaron os integrantes do equipo de Educación Viaria do Concello naronés, Pedro Caneiro e Sonia López, que resumiron o traballo que se leva realizando na cidade nesta área nos últimos doce anos para, a continuación, proxectar un vídeo con parte das actividades dos últimos anos nos centros educativos de Narón. O alumnado dos colexios de Finlandia e Noruega foi o seguinte en presentar o seu traballo nos respectivos vídeos antes dunha pequena pausa para, a continuación, proxectar os realizados polos centros de Portugal e Turquía. 

Nun dos descansos do Congreso os asistentes realizaron unha visita guiada polas instalacións do Pazo da Cultura.

O programa inclúe a maiores unha visita mañá ao CEIP Plurilingüe Ponte de Xuvia, donde amosarán comidas e vestimentas propias de cada país participante neste programa e realizarán un percorrido en bicicleta polo paseo de Xuvia e ata o estanque de mareas, en Neda. O venres desprazaranse ao CEIP Plurilingüe Virxe do Mar, donde participarán nunha xincana de habilidade e colaborarán no deseño dun circuíto de educación viaria no propio centro.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar