A Axencia de lectura da Casa da Mocidade reabrirá o vindeiro venres con dúas propostas para o público familiar e infantil

Versión para impresoraEnviar a un amigo
Axencia de lectura2.png

A Axencia de lectura municipal da Casa da Mocidade, na Gándara, reabrirá as súas portas o vindeiro venres, día 28. Para a ocasión, tal e como indicou a concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, organizouse unha programación dirixida ao público familiar e infantil. A cita será pola tarde, a partir das 17.30 horas, e comezará coa representación do espectáculo Basilicamente, as marabillosas ideas do señor Basilio, para nenas e nenos a partir de 4 anos. As persoas interesadas en acudir deben reservar as prazas dispoñibles a partir de esta tarde, ás 16.00 horas, na Biblioteca municipal ou chamando ao número de teléfono 981 382 173, explicou Taibo.

O contacontos Basilicamente, as maravillosas ideas do señor Basilio, a cargo de Carlos Coira, ten unha duración aproximada dunha hora. Durante este tempo, un bibliotecario e un lector curioso que atopa nos libros e na súa imaxinación respostas a varias preguntas centran esta proposta, na que o espectador seguirá o proceso de chegada dos libros á biblioteca.

A continuación, sobre as 18.30 horas, comezará un concerto do grupo xuvenil naronés A Banda do Garaxe, dirixido a todos os públicos. Esta formación creouse a finais do ano 2016 e intégrana doce rapazas e rapaces da comarca, algúns deles procedentes doutras bandas da Asociación Cultural Musical Sementeira.

A concelleira de Ensino recordou que a Axencia de lectura foi obxecto de importantes traballos de acondicionamento durante o pasado mes de agosto. “Na actualidade hai moitas novidades bibliográficas, na súa maior parte no que respecta aos fondos destinados a mozos e mozas”, destacou Taibo. 

A edil naronesa animou á cidadanía a acudir o venres a este acto de reapertura da Axencia de lectura municipal “un evento no que poderemos desfrutar dun espectáculo infantil e tamén do gran traballo que realiza A Banda do Garaxe, que interpretará varios temas do seu repertorio”.

 

 

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar