NOVAS

DeporNadal 2017: Aberto o prazo de inscrición

Publicado o 11 de Decembro de 2017

DeporNadal está dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos empadroados no Concello de Narón, interésache? Á túa irmá ou a teu irmán? Seguimos lendo!

A iniciativa, ao igual que en anos anteriores, é de balde e inclúe actividades deportivas en diferentes ubicacións nas modalidades de fútbol sala, atletismo, balonmán, natación, xadrez, tiro con arco, patinaxe, tenis de mesa, voleibol, baloncesto, judo, golf, baile deportivo e remo.

Para asistir a estas actividades que se desenvolverán do 26 de decembro ao 5 de xaneiro, hai que anotarse ata o 21 deste mes –incluído- na conserxería do complexo polideportivo da Gándara, en horario de 9.00 a 13.00 e de 15.15 a 23.00 horas de luns a venres e os sábados e domingos no mesmo horario de mañá e polas tardes de 15.15 a 20.30. O modelo de solicitude pode solicitarse no propio complexo polideportivo da Gándara ou descargarse da páxina web do Servizo Municipal de Deportes a través do enlace: http://padroadodeportesnaron.com/web/cat/gal/noticias/get/312.

As propostas ofertadas, dúas por día na maioría das xornadas, terán lugar en horario de mañá, de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00 horas:

 

  1. Comezarán o día 26 con fútbol sala e atletismo, nas instalacións do polideportivo da Gándara. 
  2. O mércores 27 será o turno do balonmán e natación, nas mesmas instalacións deportivas municipais.
  3. O xoves 28, xadrez, neste caso durante toda a mañá –nun horario específico de 10.30 a 12.30- e no local social do Alto do Castiñeiro. 
  4. As propostas do venres son de tiro con arco e patinaxe e terán lugar no pavillón da Mocidade, na Gándara.

 

A segunda semana de actividades iniciarase o 2 de xaneiro con tenis de mesa e voleibol, no pavillón Campo da Serra, en Santa Icía, para continuar o día 3 con baloncesto e judo, no polideportivo da Gándara e o día 4 con golf, no Club de Golf Campomar (O Val). Neste último caso trátase dunha única xornada de tres horas, de 10.00 a 13.00 para todos os inscritos. Por último, o venres día 5 haberá baile deportivo e remo, no pavillón polideportivo da Gándara.

O concelleiro de Deportes Román Romero, destacou a implicación dos clubes e agrupacións deportivas que colaboran nesta nova edición de DeporNadal. “Sen a súa participación sería máis complicado poder ofertar desde o Concello un calendario con tanta variedade de actividades aos rapaces e rapazas de Narón nestas datas de Nadal”, asegurou o edil. Os clubes Cidade de Narón, Atletismo Narón, Arco de Narón, Narón Bolea, Tenis de Mesa Narón, Judo Club Narón, Remo Narón, Club de Golf Campomar, Baile Deportivo Narón e Balonmán Narón, así como as agrupacións deportivas Náutico Narón, Santiago Apóstol, La Madriguera e o Círculo Xadrez Narón colaboran co Servizo Municipal de Deportes nesta programación.

Romero recordou que os pais, nais ou titores dos menores deberán encargarse de levalos e recollelos ao inicio e fin das actividades. O concelleiro animou ás veciñas e veciños a inscribirse neste programa “para practicar deporte tamén durante estas datas de Nadal e tendo en conta que se trata dunha proposta de balde e que se adapta aos gustos dos participantes, ao contemplarse unha gran variedade de actividades deportivas”.