NOVAS

A exposición “A mar a mares” poderá verse na Biblioteca municipal do Alto ata o 14 de outubro

Publicado o 18 de Setembro de 2017

A sala de exposicións da Biblioteca municipal –na planta do soto- acollerá a partir de mañá venres, día 15, e ata o 14 de outubro, a exposición “A mar a mares”.

A concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, explicou que se trata da terceira mostra da Sección de Fotografía do Grupo Bazán. Está formada por un total de corenta e seis fotografías en cor e branco e negro, na que as vinte e tres persoas participantes amosan con diferentes estilos a súa visión persoal sobre o mar. As persoas interesadas en ver esta exposición poderán facelo de luns a venres, en horario de 17.00 a 20.00 e os sábados entre as 10.00 e as 13.00.

A Sección de Fotografía do Grupo Bazán constituíuse no ano 1994, sendo unha iniciativa de Francisco M. Costoya, que se encargou de reunir a varias persoas interesadas na fotografía e en ampliar os seus coñecementos sobre esta arte. O fotógrafo Manuel Campoy impartiu un curso de iniciación ao colectivo e ao finalizar o mesmo unha ducia de participantes continuaron reuníndose cada venres para compartir os seus avances nesta materia. O número de integrantes foi medrando ata chegar actualmente a cincuenta e nove persoas, que participaron nestes últimos anos en diversos cursos.

A concelleira de Bibliotecas convidou á veciñanza a visitar esta mostra fotográfica, “na que os autores das imaxes amosan un gran nivel de coñecemento do mundo da fotografía e a través dos seus traballos, de gran calidade, permítennos ver unha trintena de imaxes con diferentes motivos relacionados co mar”.