NOVAS

Fase final do Campionato Galego de seleccións comarcais Sub-12 de Fútbol 8

Publicado o 16 de Maio de 2017

O campo municipal de Río Seco acollerá o vindeiro mércores, día 17, a fase final do Campionato galego de seleccións comarcais Sub-12 de fútbol 8.

O edil de Deportes, Román Romero, presentou onte o evento acompañado polo directivo e o delegado en Ferrolterra da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto e Manuel Mesa, respectivamente e polo presidente da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón-O Freixo, Juan José Rey. A entrada é de balde e os partidos disputaranse en horario de mañá e tarde.

A categoría feminina comezará a xogar as semifinais ás 11.00 horas (A Coruña-Ferrol e Santiago-Vigo) e unha hora máis tarde darán comezo as masculinas (A Coruña-Ourense e Santiago-Pontevedra). Xa pola tarde retomarase o xogo a partir das 16.00 horas, cando se disputarán o terceiro e ocuarto posto de ambas categorías e ás 17.00 terán lugar as finais.

Os representantes da Federación Galega de Fútbol agradeceron a colaboración do Concello e a implicación do clube colaborador, o Narón-O Freixo. Manuel Mesa recordou que unha das xogadoras da entidade deportiva colaboradora, Laura Testa, é unha habitual da selección galega de fútbol, “algo que non é fácil e polo que en parte explica que este clube colabore na organización deste campionato”. En representación da Federación Galega de Fútbol, Mesa incidiu en que se trata “dun evento deportivo moi bonito ao que convidamos a acudir a todo o mundo”.

Pola súa parte, o edil de Deportes, Román Romero, agradeceu á Federación Galega de Fútbol o feito de que convocase este campionato galego na cidade. Unha proposta, asegurou,“moi fácil de aceptar”. Romero destacou a labor dos clubes de fútbol naroneses en xeral e do Narón-O Freixo en particular polo seu “bo traballo” e animou á veciñanza a que acuda ao campo de Río Seco o vindeiro mércores para gozar deste evento deportivo.