Mostras de Fin de Curso na Escola de Teatro de Narón

Versión para impresoraEnviar a un amigo
teatro_naron.jpg

O Padroado da Cultura iniciará hoxe o calendario de Mostras de Fin de Curso na Escola de Teatro de Narón. O Auditorio municipal acollerá, ás 20.30 horas, a representación da obra “O mundo de Alicia”, a cargo de alumnado de segundo curso da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón. Hoxe será a primeira das nove mostras escénicas programadas ata o vindeiro 31 de maio a cargo de alumnado da Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores e dos Obradoiros Municipais de Teatro do Padroado da Cultura de Narón. A entrada a todas estas representacións é de balde.

“O mundo de Alicia” é unha obra con escenas dos textos “A función do tequila”, de Manuel Guede; “Pequenos actos pseudorrevolucionarios”, de Santiago Cortegoso, e “Alicia & Alicia”, de Paula Carballeira. O equipo actoral estará dirixido por Silvia Casal, encargada tamén de realizar a escolma dos citados textos.

Esta iniciativa, que se leva a cabo cada ano coincidindo co final do curso das Escolas de Teatro do Padroado da Cultura, convócase para amosar ao público naronés unha parte do traballo realizado polo alumnado e o profesorado das mesmas, iniciado o pasado mes de outubro. No último curso contabilizáronse unhas duascentas alumnas e alumnos nestas áreas de formación, tal e como se indicou desde o Padroado da Cultura de Narón.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar