O ciclo Cine de Verán continúa mañá e o venres en Pedroso e San Mateo coa proxección de “Pets 2” e “A tropa de trapo onde sempre brilla o sol”

Versión para impresoraEnviar a un amigo
gr-stocks-q8P8YoR6erg-unsplash (1).jpg

Ambas sesións terán lugar mañá xoves e o venres en Pedroso e San Mateo, respectivamente.

O ciclo Cine de Verán continuará esta semana na cidade coas sesións programadas para mañá xoves e o venres en Pedroso e San Mateo, respectivamente.

A pista polideportiva de Pedroso acollerá mañá, ás 22.30 horas, a proxección da película “Pets 2”. O can Max e os seus amigos Gidget, Mel, Chole, Luke e Pompón, tamén mascotas, comparten unha serie de segredos cando os seus donos non están na casa, pero a vida de Max dará un xiro importante coa chegada dun bebé, Liam, o fillo da súa dona, que o levará a afrontar unha serie de medos.

Na xornada do venres día 30 poderase ver na pista polideportiva de San Mateo, tamén ás 22.30 horas, o filme “A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol”, protagonizada por Mumú, unha vaca, e os seus amigos, Milo, Olga, Alfred, Talao e Rita. Estes últimos teñen un aspecto moi diferente a ela, e están confeccionados con telas moi coloridas. Xogando ve un rebaño de ovellas e envidia a súa cor branca, pero logo descobre que en realidade son estrelas e Mumú quere selo tamén, polo que vivirá unha serie de aventuras que a levarán a descubrir que ser diferente aos demais é o que nos fai únicos.

O ciclo, con entrada de balde e iniciado o pasado 8 de agosto, impúlsao un ano máis o Padroado da Cultura en colaboración da Deputación da Coruña.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar