O paseo de Xuvia acollerá o domingo a primeira edición do “Torneo de Billarda Cidade de Narón”

Versión para impresoraEnviar a un amigo
Presentación Torneo de Billarda.jpg

O Torneo estruturarase en tres categorías, e en cada unha haberá unha repartición de premios para as persoas gañadoras.

O concelleiro de Deportes, José Oreona, presentou esta mañá a primeira edición do “Torneo de billarda Cidade de Narón” acompañado por Luis Fontán, vicepresidente da Federación Galega de Deporte Autóctono, David Corral, coordinador e xogador, Alejandro Castro, vicepresidente do Club Filloas de Sangue e Bieito Fernández, naronés xogador do equipo APB Laracha. A cita, enmarcada na Liga Atlántica de Billarda 20-21 da Conferencia Noroeste, terá lugar o vindeiro domingo, día 18, ás 11.00 horas no paseo marítimo de Xuvia. As persoas interesadas en participan poden anotarse ata o sábado ás 20.00 horas, facilitando os seus datos –nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto- a través do correo: billarda@billarda.gal.

Oreona destacou o apoio do Concello a este evento, co fin de potenciar e dar a coñecer entre os máis novos este deporte –antes xogo tradicional e que na actualidade está federado-. O edil naronés recordou que algunhas persoas de Narón son afeccionadas á billarda e que xogan en equipos foráneos, ao non ter a cidade polo momento un propio. “É un deporte que se practica ao aire libre, que non require de moitos medios e na actualidade integrado na Federación Galega de Deporte Autóctono, xunto coa chave, que se practica en Galicia dende a Idade Media”.

O vicepresidente da Federación Galega animou a todas as persoas que o desexen a participar neste torneo e destacou a importancia de que a día de hoxe a billarda sexa un deporte federado e de carácter interxeracional, do que desfrutan homes e mulleres de todas as idades. Así mesmo, avanzou que se repartirán premios en tres categorías: absoluta, infantil e feminina.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar