NOVAS

O pavillón das Lagoas acolle esta tarde o VI Minimarket Ferrolterra Emprende Xove

Publicado o 10 de Maio de 2019

Os 51 proxectos presentados á sexta edición do Minimarket Ferrolterra Emprende Xove, organizado pola Asociación Jóvenes Empresarios Ferrolterra, en colaboración co Concello de Narón, entre outros, poderán verse esta tarde, a partir das 18.00 horas, no pavillón das Lagoas

 

 A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, acudirán á cita, que culminará, sobre as 20.30 horas, coa entrega de catro premios, valorados en conxunto en 1.500 euros.

Douscentos alumnos e alumnas de ESO, Bacharelato e Formación Profesional de catorce centros educativos de Ferrolterra, Eume e Ortegal participaron nesta convocatoria, algúns deles a título individual e outros con proxectos emprendedores grupais, realizados por un máximo de cinco persoas, tal e como se establecía nas bases. En canto aos centros de Narón, participan uns 50 rapaces e rapazas do IES Terra de Trasancos e dos CPR Ayala e Jorge Juan, se ben tamén se poderán ver proxectos de alumnado dos IES Concepción Arenal e Sofía Casanova, e os colexios Compañía de María, Cristo Rey, Mercedarias e Rodolfo Ucha, de Ferrol; de As Mirandas, de Ares; dos colexios A Xunqueira, Jorge Juan e do IES Fene, de Fene e, no caso de Neda, do IES Fernando Esquío.

Un xurado integrado por persoal da xunta directiva de AJE, autoridades e patrocinadores encargarase de puntuar os proxectos que optan ao Mellor Proxecto ou idea emprendedora na categoría de ESO e Bacharelato e na de Formación Profesional, valorados en ambos casos en 500 euros. Os outros dous premios serán para o mellor proxecto de RSE e o máis valorado polo público, dotados ambos con 250 euros.

A organización concibe esta iniciativa como unha aposta polos emprendedores da comarca, para que presenten proxectos novos e económicamente viables e tamén, ao mesmo tempo a través deste Minimarket darlles visibilidade entre a cidadanía.

O Concello de Narón, así como o de Ferrol, a Deputación da Coruña e as empresas Cándido Hermida, Ortegal Oil, Gadis e J. Rilo colaboran nesta iniciativa de AJE Ferrolterra.