A parroquia de San Mateo acollerá hoxe os actos do Samaín organizado polo Concello e a Agrupación Veciñal de San Mateo

Versión para impresoraEnviar a un amigo
-cartaz_samain.jpg

O Centro Cívico Social de San Mateo de Trasancos e as súas inmediacións acollerán hoxe mércores os actos organizados polo Concello e a Agrupación Veciñal de San Mateo para celebrar o Samaín. A cita, á que se recomenda asistir vestido con roupas como as que empregaban habitualmente os campesinos na súa faena, dará comezo ás 17.00 horas, momento no que se poderán ver no local da entidade veciñal as cabazas que decoraron as nenas e nenos de centros escolares de Narón que participaron nun obradoiro impulsado a través do Padroado da Cultura. A esa mesma hora iniciaranse no Centro Cívico de San Mateo uns obradoiros de cabazas e maquillaxe nos que poderán participar todas as persoas que o desexen, independentemente da súa idade.

O apartado musical dará comezo ás 19.00 horas, co espectáculo Historias de Ultratumba, de Mamá Cabra centrado na música e no teatro. A programación inclúe un ano máis a tradicional Comitiva de Luces e Tebras, que a partir das 20.30 horas realizará un percorrido de case quilómetro e medio polas inmediacións do Centro Cívico Social de San Mateo, no que as persoas participantes portarán candeas para alumear o tramo na noite do Samaín.

A celebración continuará cun Obradoiro do Medo no CRA de San Mateo, en cuxo interior os asistentes vivirán unha serie de experiencias tenebrosas. Pechará a programación deseñada desde o Padroado da Cultura e a Agrupación Veciñal San Mateo a música tradicional, co Grupo de Gaitas do Padroado. 

Antes de dar por rematado o evento tamén se poderán degustar, a un prezo simbólico dun euro, racións de caldo elaborado por veciñas e veciños da parroquia, acompañado de liscos, pan e bebidas.

Consulta o cartel do evento no arquivo adxunto.

DocumentoTamaño
Cartel Samaín 2018.pdf228.95 KB
 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar