Preto de oitenta nenas e nenos de Narón participan desde o martes pola mañán nas actividades do programa DeporNadal.

Versión para impresoraEnviar a un amigo
F├║tbol Sala DeporNadal 1.jpg

Un total de setenta e oito rapazas e rapaces empadroados no Concello de Narón, con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, participan desde o martes nas actividades do programa DeporNadal.

A oferta desta iniciativa, impulsada a través do Servizo Municipal de Deportes de Narón en colaboración con outros clubes e entidades, iniciouse o martes ás 10.00 –rematou ás 13.00- no polideportivo municipal da Gándara, con dúas propostas deportivas: Fútbol sala e Atletismo. Continúa hoxe na mesma ubicación con Natación e Balonmán; o xoves con Xadrez –no local social do Alto- e o vindeiro venres haberá Tiro con Arco e Patinaxe no pavillón da Mocidade, na Gándara.

Moitas das nenas e nenos inscribíronse en varias actividades deportivas. A modalidade de Tiro con arco é a que máis menores ten inscritos, un total de 49, seguido das de Tenis de mesa e Baloncesto, con 48 participantes cada unha delas e Voleibol, con 46. A continuación, con 41 sitúase Natación; con 40 cada unha Atletismo e Patinaxe; con 34 Fútbol sala; 36 Balonmán; con 35 Xadrez e Golf; con 33 Remo e con 30 cada unha Baile Deportivo e Judo.

As diferentes actividades desenvolveranse ata o 5 de xaneiro, sempre en horario de mañá, nas instalacións do Pavillón polideportivo da Gándara, no Pavillón da Mocidade, na Gándara; no pavillón Campo da Serra, en Santa Icía; no local social do Alto do Castiñeiro e no Club de Golf Campomar, no Val. A vindeira semana haberá Tenis de Mesa e Voleibol o día 2 no pavillón Campo da Serra; Baloncesto e Judo o día 3 no polideportivo da Gándara; Golf o día 4 no Club de Golf Campomar e, por último, Baile deportivo e Remo o día 5 tamén no pavillón da Gándara.

O concelleiro de Deportes, Román Romero, agradeceu a colaboración prestada polos clubes: Cidade de Narón, Atletismo Narón, Arco de Narón, Narón Bolea, Tenis de Mesa Narón, Judo Club Narón, Remo Narón, Club de Golf Campomar, Baile Deportivo Narón e Balonmán Narón; as agrupacións deportivas Náutico Narón, Santiago Apóstol, La Madriguera e o Círculo Xadrez Narón por colaborar co Servizo Municipal de Deportes “para poder ofrecer ás rapazas e rapaces de Narón esta completa oferta deportiva na tempada das vacacións de Nadal”. Así mesmo, o edil naronés desexou aos participantes que “aproveiten ao máximo estas xornadas deportivas nas que esperamos que desfruten das diferentes actividades”.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar