A protección dos nosos datos persoais

Versión para impresoraEnviar a un amigo
spam.jpg

Seguro que nalgunha ocasión recibiches unha chamada inesperada con información comercial ou un volume de correo electrónicos indesexados con información comercial. Coñeces os teus dereitos?, neste artigo imos informarte sobre os dereitos que temos como consumidores.

A Publicidade e a prospección comercial

  • Aqueles que se dedican á recompilación de direccións, repartición de documentos, publicidade, venda a distancia, prospección comercial e outras actividades análogas, poden utilizar os nomes, as direccións, ou outros datos de carácter persoal que figuren en fontes accesibles ao público ou fosen facilitadas por nós ou se obtiveron co noso consentimento.
  • Cando os nosos datos persoais proceden de fontes accesibles ao público, en cada comunicación débennos informar da orixe dos datos, da identidade do responsable do tratamento e dos dereitos que nos asisten.
  • No exercicio do dereito de acceso, temos dereito a coñecer a orixe dos nosos datos e as comunicacións efectuadas ou que se preveen facer.
  • Temos o dereito de opornos ao tratamento dos nosos datos nese caso, coa petición previa e sen gastos, téñennos que dar de baixa do tratamento e téñense que cancelar as informacións que nos envían coa simple solicitude. 

Correo lixo / correo masivo (Spam)

  • Está prohibido o envío de comunicacións publicitarias ou promocionais non solicitadas realizadas a través de correos electrónicos ou outros medios de comunicación electrónica equivalentes que previamente non fosen solicitadas ou expresamente autorizadas polos seus destinatarios.
  • Non fará falta cando exista unha relación contractual previa, sempre que o publicitario obtivese de maneira lícita os datos de contacto do destinatario e os utilice para o envío de comunicacións comerciais referentes a produtos ou servizos da súa propia empresa que sexan similares aos que inicialmente fosen obxecto de contratación co cliente. En todo caso, o publicitario debe ofrecer ao destinatario a posibilidade de oporse ao tratamento dos seus datos con finalidades promocionais mediante un procedemento sinxelo e gratuíto, tanto no momento de recollida dos datos como en cada unha das comunicacións comerciais que lle dirixa.

Reclamacións

  • As actuacións contrarias aos preceptos da lei poden ser obxecto de reclamación ante a Axencia de Protección de Datos.
  • Se nos denegan totalmente ou parcialmente o exercicio dos dereitos de acceso, rectificación, cancelación, ou oposición, témolo que pór en coñecemento da Axencia de Protección de Datos.
  • Se , como consecuencia do incumprimento da lei polo responsable ou encargado do tratamento, sufrimos danos ou lesións, temos dereito a ser indemnizados.
  • Asegurémonos da identidade do responsable do tratamento dos datos persoais; podemos acceder ao Rexistro Xeral de Protección de Datos no caso de entidades do sector público.
  • Para denunciar os feitos podemos utilizar os formularios da Axencia Española de Protección de Datos http://www.agpd.es/ 
 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar