Un xeado, bo proveito!!

Versión para impresoraEnviar a un amigo
xeado.jpg

Se falamos dun alimento apetitoso, doce, de verán e non é unha lambetada senón algo máis substancioso, falamos do xeado, un pouco a remolque da alimentación sa porque se dicía que "engorda e non alimenta".

Non obstante non hai alimentos bos nin malos, senón máis ben dietas equilibradas ou desequilibradas, de aí que o importante está en integralos de xeito adecuado no que comemos diariamente.

Consumir xeados dunha maneira responsable é ademais de beneficioso, recomendable. 100 gramos de xeado supoñen unha achega máxima dun 15 por cento do total de calorías diarias recomendadas para a dieta. O seu consumo, dentro duns parámetros como os sinalados, non ten por que relacionarse coa aparición de diabetes, caries ou obesidade... ao contrario está recomendado para nenos, adolescentes, anciáns ou mulleres en período de lactación. Mesmo para aquelas persoas con falta de apetito, decaemento ou baixo estado de ánimo, ou incluso, con problemas de deglución.

Como moitos deles inclúen leite e froitos secos entre os seus ingredientes, tamén se presentan como unha opción para a merenda dos nenos e desde logo con moitas menos calorías cós produtos de bolería.

Fundamentalmente os xeados distínguense entre os que teñen unha base láctea e os que a teñen acuosa, os primeiros son os que dentro do ámbito da alimentación achegan máis nutrientes, porque son fonte de calcio e conteñen vitaminas do grupo B, D e fósforo entre outras. Por iso, non só son un punto para ter en conta e mitigar a calor senón que achegan unha gran cantidade de nutrientes á nosa dieta, como por exemplo, proteínas, hidratos de carbono, graxas, vitaminas, minerais, etc. Algo que desterra esa mala fama da que antes falabamos que lles outorgaba moita capacidade para engordar e escaso potencial alimenticio.

Os de base acuosa dependen nutricionalmente falando da calidade das froitas ou zumes que incorporen e neste sentido achegan micronutrientes (vitaminas e minerais) proporcionalmente, e malia que non se poden considerar como unha fonte importante deles neste sentido, si son unha opción válida para aquelas persoas que teñen algún problema de hipercolesterolemia ou relacionado cos lípidos.

Xeados como sobremesa, merenda, parte dunha cea, xantar... Ábrese todo un abano de consumo a distintas horas do día, para á súa vez contribuír ó bo estado dos músculos, a conservar o bo humor e reducir a ansiedade e como non, a fortalecer os ósos. Asemade desvincúlanse do grupo dos postres e evítase que substitúan a froita de xeito sistemático.

Fonte orixinal

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar