Uns 250 escolares de centros de ensino da cidade participan nos obradoiros de convivencia e prevención do acoso escolar

Versión para impresoraEnviar a un amigo
Obradoiros de convivencia e prevención do acoso escolar.jpg

Durante o transcurso dos obradoiros, rapazas e rapaces aprenderán a identificar situacións de acoso e ciberacoso e como actuar no caso de que se detecten.

A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, anunciou o inicio neste segundo trimestre do curso escolar dos obradoiros de convivencia e prevención do acoso escolar. Un total de 246 menores de primeiro da ESO e sexto curso de educación Primaria de centros de ensino da cidade participarán nas vindeiras semanas nestes obradoiros impulsados polo Concello.

Taibo indicou que se implicaron nesta iniciativa os colexios de Piñeiros, Virxe do Mar, Santiago Apóstol, A Gándara, Ponte de Xuvia e o instituto de As Telleiras. “Nestes centros comezaron a impartirse as sesións do segundo trimestre, que se prolongarán durante todo este mes de marzo e coa previsión de continuar desenvolvéndoos ata o mes de maio, incluído”, explicou a edil. A duración das sesións é de aproximadamente unha hora e a través deste proxecto “apostamos por ofrecer ao alumnado, ás súas familias e ao profesorado dos centros unha serie de ferramentas que permitan detectar posibles casos de acoso escolar nas aulas e, ao mesmo tempo, reflexionar sobre a convivencia en diferentes contextos, entre eles situacións de relacións baseadas na violencia en calquera das súas posibles manifestacións”, apuntou  Taibo.

A edil indicou ademais que “as rapazas e rapaces deben coñecer os riscos aos que se expoñen a día de hoxe a través das novas tecnoloxías, que poden chegar a ocasionar graves perigos tamén no campo do acoso escolar”. Taibo explicou que a través dos obradoiros que se están impartindo nas aulas “os menores poderán identificar situacións de acoso e ciberacoso e tamén saberán actuar no caso de que se detecten, fomentando así a erradicación deste tipo de condutas que lamentablemente se producen e sobre as que debemos incidir en materia de prevención”.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar